Dezasete locais da Estrada participarán no Concurso de Tapas do Salmón

Dezasete locais de hostalaría da Estrada participarán na segunda edición do Concurso de Tapas do Salmón, organizado polo Concello da Estrada no marco dos actos da 40ª Festa do Salmón, que celebrará o seu día grande o domingo 19 de maio.

Os establecementos ofertarán dúas variedades de salmón cada un dende mañá venres, 10 de maio, a partires das 20.00 horas. O concurso estenderase o sábado 11, domingo 12, xoves, 16, venres 17 e sábado 18 entre as 12.00 e as 15.00 e dende as 20.00 ata as 23.00 horas agás na última xornada.

Os locais participantes e a súa oferta de tapas son os seguintes:

Andalucía: crocante de salmón con vinagreta de mel e mostaza e montadiño de salmón afumado máis queixo e salsa fría de Oporto.

Samaná: salmorexo de salmón con escuma de ourizos e aroma de eneldo e tosta de pastel de salmón e trigueiros con mahonesa lixeira de ulva ríxida.

O Paseo: afumado de salmón con ourizo e mango e salmón dourado crocante.

Os Peares: tortilla de salmón e brocheta de salmón.

La Bombilla: salmón en escabeche de cítricos e pudin de salmón e hortalizas.

Xantares: ensalada de salmón e gulas e salmón en salsa de mango.

Navegación: salmón en cama e zume de cítricos e salmón bañado en agridoce de mazá.

Valenciaga: lasaña de salmón e gambas e satays de rapé, salmón e langostinos.

Argentinos Burguer: brétemas do Ulla e potito.

Nicol´s: rolliños da Nicol´s e crepe Der Lachs.

O Café de Xulia: crocante de salmón con salsa de pemento e salmón mariñado sobre pan verde.

Boliche: mariñada de salmón e caprichos de salmón.

Enredo: salmón mariñado e timbal de salmón.

Don Juan: chulas de salmón e salmón ao Don Juan.

Eureka: medallóns de salmón con cogumelos e bocadiños de salmón e pemento.

Tapería O Lar: empanada de salmón e gulas e salmón en costra de abelás.

Scala: empanada de salmón e cítricos con salmón.

Cociñeiros de prestixio

Como principal novidade, este ano a cualificación das tapas participantes dividirase entre un xurado técnico, conformado por tres cociñeiros, que decidirá o 60% da nota de cada prato, e o voto popular, que suporá o 40% restante. Os chefs estradenses Javier Rey (Alborada), Javier Fins (Talaso Atlántico) e Federico López (A Quinta da Auga) farán o circuito das tapas no primeiro domingo do concurso. Os locais optan a tres premios, de 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

En canto ao público, para os clientes participantes haberá un galardón máximo de 500 euros para o gañador do sorteo de entre todos aqueles que acrediten probar alomenos unha tapa en todos os locais. Ademais, haberá outros tres de 200 euros a sortear entre os que cubran cada unha das tres zonas nas que está dividido o certame. Todos estes galardóns entregaranse en vales de compra para consumir nos locais de hostalaría ou restauración que colaboren coa 40ª Festa do Salmón.

Cabe sinalar que todos os locais inscritos no concurso de tapas contarán na porta cun distintivo corporativo para facilitar a súa identificación por parte dos clientes e terán a disposición do público as cartillas de participación.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies