López destaca a ampla oferta da restauración estradense con 2.000 prazas para a degustación de salmón

O alcalde da Estrada, José López, destacou hoxe, durante a presentación da 40ª Festa do Salmón celebrada no couto de Ximonde, a ampla oferta da restauración e a hostalaría locais, xa que os establecementos colaboradores ofertan 2.000 prazas para a degustación dos centos de variedades que se ofrecen no municipio en torno ao “rei do río”.

O rexedor estivo acompañado durante a presentación pola directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, polo presidente da sociedade Río Ulla, Miguel de la Calle, por varios concelleiros do grupo de goberno e pola práctica totalidade dos restauradores e hostaleiros que participan no Concurso de Tapas ou na degustación popular, os dous principais fitos gastronómicos desta festa. Os cociñeiros estradenses prepararon nas beiras do Ulla as tapas que participarán no certame e fixeron as delicias dos presentes.

José López, que agradeceu a presenza de Nava Castro e a súa implicación nos asuntos relacionados coa Estrada –de feito anunciou unha axuda de 26.000 euros para a promoción da Rapa das Bestas–, sinalou a casualidade de que a presentación oficial coincidise coa declaración do Salmón como Festa de Galicia de Interese Turístico, catalogación que foi aprobada hoxe polo Consello da Xunta.

O alcalde subliñou que todos os esforzos en torno a esta festa “oriéntanse a atraer ao maior número de visitantes para dinamizar a economía e a hostalaría nun momento especialmente complexo”. Resaltou a consolidación e calidade da restauración estradense en torno ao salmón e apostou por incrementar os vencellos entre a festa e a gastronomía locais cos valores medioambientais e deportivos do río Ulla e da pesca do salmón.

Finalmente, quixo destacar a importancia do 37º Concurso Internacional de Pesca do Salmón que se celebra nesta fin de semana nos tres coutos estradenses e adiantou a presentación mañá dunha páxina web específica sobre a Festa do Salmón e das correspondentes redes sociais para iniciar unha nova andaina na súa difusión.

“Exquisitez dos nosos ríos”

Pola súa banda, Nava Castro louvou a mistura de “tradición e innovación” dos restauradores estradenses á hora de preparar o salmón, que cualificou como “unha exquisitez dos nosos ríos”. Ademais, sinalou que o couto de Ximonde é un marco idóneo para a presentación da festa, xa que considerouno como “o mellor couto de España”.

Tras destacar o bo ensamblaxe entre o Río Ulla e a festa gastronómica estradense, amosouse convencida de que a cita conseguirá ser, nun futuro, catalogada como de Interese Turístico Nacional.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies