A Estrada prevé acoller entre 8.000 e 10.000 persoas na 40ª Festa do Salmón

O Concello da Estrada prevé acoller entre 8.000 e 10.000 persoas mañá domingo nas actividades da cadraséxima edición da Festa do Salmón. Deste xeito, daríase un pequeno impulso á asistencia con respecto a edicións anteriores e poñeríase o primeiro chanzo para incrementar a repercusión desta cita gastronómica de cara ao futuro.

O alcalde estradense, José López, anima aos estradenses e tamén aos veciños dos demais concellos de Galicia a que se acheguen ata a vila para probar as 35 especialidades de salmón que se ofrecerán na degustación popular. O rexedor local agarda que “o tempo acompañe” para pechar con éxito estas semanas de actividades.

Ademais, indicou que o obxectivo do goberno local céntrase en seguir prestixiando a festa e estender as semanas de actividades para desestacionalizar o consumo do salmón. “A gastronomía é unha alternativa interesante para o lecer no actual contexto de crise, polo que cremos que debemos potenciar esta festa e todo o que a rodea para manter e incluso facer medrar as deceas de postos de traballo que hai na hostalaría local, así como favorecer a xeración de riqueza e o impulso da nosa economía”, subliñou, antes de lembrar a ampla oferta dos restaurantes locais que preparan o salmón, con preto de 2.000 prazas diarias e deceas de especialidades.

O rexedor cre que o Concello da Estrada conta cunha importante potencialidade nas áreas do turismo e do lecer grazas a esta festa e o seu vencellamento ao río Ulla, a Rapa das Bestas de Sabucedo e o Entroido dos Xenerais do Ulla. “A estes tres eixos debemos engadir os valores arquitectónicos, como o Pazo de Oca e moitos outros, e os naturais e paisaxísticos para artellar unha estratexia que permita que o municipio obteña rendemento e se poida mellorar a calidade de vida dos estradenses”, destacou.

*Imaxe da conexión en directo do programa A Revista (TVG) feita esta mesma mañá cos hostaleiros do concurso de tapas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies