9.000 persoas asisten aos actos da 40ª Festa do Salmón na Estrada

Unhas 9.000 persoas asistiron na xornada de hoxe aos distintos actos programados co gallo da 40ª Festa do Salmón, celebrada na Estrada. O evento saldouse cun bo éxito de público e de espectativas por parte dos hostaleiros e dos restauradores locais, xa que na degustación popular despacháronse máis de 1.900 bandexas de tapas, o que supón uns 5.800 pinchos.

Tras a o arranque da Feira de Artesanía e da Mostra de montaxe de moscas habilitadas na alameda municipal, a atención centrouse no Teatro Principal, onde o médico Ramiro Varela deu lectura ao pregón (adxúntase íntegramente a súa intervención) e onde se procedeu á imposición dos Salmóns de Ouro ao pregoeiro, ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e ao pianista Javier Otero.

O acto, que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e do director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, serviu ao alcalde estradense, José López, para facer un chamamento á restauración e á hostalaría locais co obxectivo de comezar a traballar de inmediato en accións que favorezan a desestacionalización da gastronomía en torno ao salmón. A intención é xerar riqueza e postos de traballo neste sector, ampliando os meses nos que o salmón é unha referencia gastronómica en Galicia.

Tras desvelar a súa intención de colocar a Festa do Salmón da Estrada no panorama nacional como se merece pola súa importancia actual, José López sinalou a súa intención de traballar para permitir a comercialización do campanu e dos salmóns do Ulla, como se fai noutras partes de España, para seguir engadindo atractivos á festa.

O alcalde, que loubou aos tres galardoados, á sociedade Río Ulla, ao Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) e ao conselleiro Xesús Vázquez polo seu pulo para o novo Pérez Viondi, confía en que esta festa, a Rapa das Bestas, o Entroido dos Xenerais do Ulla e o Pazo de Oca se convirtan nos referentes turísticos do concello e permitan ir superando, pouco a pouco, o actual contexto de crise.

Tras os actos institucionais no Teatro Principal, o interese da festa desprazouse ata a carpa instalada na Praza da Constitución, onde o grupo Tequexetéldere e as formacións Nuestra Señora del Rosario (Murcia) e Salleko Dantza Eta Txistu Taldea (País Vasco) animaron a concorrida degustación popular.

Paralelamente, o Photocall do Salmón chamou a atención de máis de 500 estradenses e visitantes, xa que se repartiron máis de 250 portadas conmemorativas da 40ª Festa do Salmón coa fotografía dos participantes.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies