A Estrada programa máis dunha vintena de actividades para celebrar a XLI Festa do Salmón

O Concello da Estrada adiantou hoxe durante a presentación da cuadraxésimo primeira Festa do Salmón que a organización programou nesta edición máis dunha vintena de actividades gastronómicas, culturais, deportivas, lúdicas e institucionais coa finalidade de atraer a milleiros de visitantes dende o venres 9 de maio ata o domingo 18 de maio.

A presentación da XLI Festa do Salmón, na que estiveron presentes varios membros do goberno local e representantes do sector da hostalaría, tivo lugar esta mañá na Praza da Constitución da Estrada. Esta praza foi tamén o punto de partida dun autobús de estilo tradicional inglés que percorrerá ata o vindeiro domingo pola tarde preto de 1.000 quilómetros para divulgar a proximidade da Festa do Salmón nas principais cidades e vilas das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Aínda que a data central da festa será o domingo 18 de maio, os organizadores e os 24 establecementos do sector de hostalería colaboradores decidiron ampliar as xornadas de degustación de tapas de salmón á fin de semana anterior, de xeito que os días 9, 10, 11, 15, 16 e 17 de maio poderanse degustar as devanditas tapas nun total de 17 locais de hostalaría. Ademais, o domingo 18 a Praza da Constitución acollerá a tradicional degustación popular de salmón, na que repetirán cinco establecementos e á que se sumarán outros sete restaurantes.

O alcalde da Estrada, José López Campos, salientou durante a presentación que a Festa do Salmón, que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013, xa é “un dos buques insignia do turismo na Estrada, xunto coa Rapa das Bestas e o Pazo de Oca”. Nembargantes, avogou por reforzar o traballo en tres liñas estratéxicas para darlle un novo pulo: “promover unha maior divulgación fóra da Estrada de todos os atractivos desta festa, buscar un maior vencellamento co medio natural e as orixes na pesca do salmón no río Ulla e promover unha maior oferta de actividades gastronómicas en colaboración cos establecementos da hostalaría”.

Entre os principais atractivos desta cuadraxésimo primeira edición, José López destacou dúas actividades xa convertidas en tradicionais, como son o Concurso Internacional de Pesca do Salmón, que celebrará a súa trixésimo oitava edición os días 10 e 11 de maio nos coutos de Couso, Sinde e Ximonde, e a Ruta do Salmón en BTT, que terá lugar o domingo 18 e que constará dun percorrido de preto de 40 quilómetros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies