Máis de 12.000 persoas ateigan A Estrada na XLI Festa do Salmón

A Estrada celebrou hoxe a edición máis exitosa da Festa do Salmón, xa que máis de 12.000 persoas ateigaron a vila durante os actos programados. O dato supón un récord histórico de asistencia nas 41 edicións da festa, xa que medrou arredor dun 33% respecto aos 9.000 participantes do ano anterior grazas á chegada de moitos visitantes de fóra do municipio.

Os primeiros sondeos feitos pola organización apuntan á presenza de grupos e parellas procedentes de Lalín, Silleda, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ames, Negreira e Vilagarcía de Arousa, entre moitos outros concellos galegos, aínda que tamén houbo unha pequena participación de xente do resto de España e incluso do estranxeiro.

Os asistentes remataron cos 6.600 pinchos preparados de trinta xeitos distintos por dez establecementos e probaron a sidra de Lagar de Ribela, coparon gran parte das 2.000 prazas dos restaurantes da vila e encheron coma nunca as terrazas da case todas as zonas do pobo. Neste senso, cabe sinalar que os bares recibiron a recompensa de apostar, como xa se ten feito noutros anos, por despachar tapas de salmón gratuítas coas consumicións dos seus clientes.

A xornada contou cun senfín de actividades, dende a tradicional Ruta de BTT ata a exposición de toquillas pasando pola exhibición de lances de pesca na praia fluvial de Liñares, a concorrida Feira de Artesanía, a mostra de vehículos antigos, a exposición e exhibición de montaxe de moscas a cargo de Xaquín L. Muiños ou as actividades infantís na alameda, que congregaron a centos de rapaces gozando coa boa climatoloxía e os xogos inchables.

Mentres se desenvolvía toda esta actividade e antes de que comezara a degustación popular, o eixo da festa trasladouse ao Teatro Principal, onde a catedrática universitaria Mercedes Brea deu lectura ao pregón antes de recibir o Salmón de Ouro, galardón que tamén recaeu na Banda de Gaitas de Barbude -nas mans de José Manuel Porto- e no ciclista estradense Álex Marque. Este acto contou coa presenza do alcalde estradense, José López; da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; do subdelegado do Goberno en Pontevedra; Antonio Coello; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da Sociedade Deportiva Río Ulla, Miguel de la
Calle; do máximo dirixente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Luis Reimóndez; do director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo; do ex deputado estradense Xesús Palmou; e dos alcaldes de Lalín e Cerdedo, Xosé Crespo e José Balseiros, entre outros persoeiros. Posteriormente, a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, incorporouse aos actos.

Na súa intervención, José López felicitou aos tres distinguidos e quixo destacar a boa saúde da festa estradense, dando por ben feito o esforzo en materia exterior desenvolvido este ano, aspecto que considerou de xustiza ao seren o Salmón «un dos grandes atractivos turísticos da Estrada xunto coa Rapa das Bestas, o Pazo de Oca, Os Xenerais da Ulla e os coutos de pesca fluvial no río Ulla».

O rexedor estradense anunciou o compromiso do seu goberno de seguir traballando polo impulso desta festa «incrementando o seu vencellamento ao Ulla e as actividades de pesca, espallando no tempo as actividades da Festa do Salmón para favorecer un maior retorno económico para a hostalaría e a restauración e incrementando a relación co mundo da cultura, de gran importancia na raigame desta festa gastronómica».

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies