Río Ulla organiza o XL Concurso Internacional de Pesca do Salmón os días 7 e 8 de maio

O Concurso Internacional de Pesca do Salmón organizado pola Sociedade Deportiva Río Ulla alcanzará este ano a súa cuadraxésima edición. Nesta ocasión, o campionato celebrarase os días 7 e 8 de maio nos coutos de Ximonde, Santeles e Sinde.

Algunhas das normas que rexerán o concurso son as seguintes:

  • Os aparellos e cebos serán os autorizados para a pesca do salmón segundo a normativa de pesca fluvial da Xunta de Galicia.
  • O número máximo de capturas por concursante será de dous salmóns durante todo o campionato (un por xornada), deixando de pescar no momento, de darse o caso.
  • Os salmóns capturados no campionato serán de propiedade dos seus captores, pero deberán ser guiados no momento e pasarán a formar parte da exposición do concurso ata a entrega de trofeos, que terá lugar no acto de clausura.
  • No caso de capturar a cota asignada ao concurso antes da súa clausura, darase por finalizado o campionato nese mesmo momento, non podendo realizarse outra modalidade de pesca.
  • A cota para o sábado 7 de maio será a metade dos salmóns asignados para o concurso.
  • Para a puntuación do concurso teranse en conta o número de pezas, o peso e as dimensións dos exemplares capturados. Non serán válidos os salmóns que non superen os 40 centímetros, que deberán ser soltados ao río.
  • O número de prazas previsto para o concurso é de 48. Nembargantes, está supeditado a calquera cambio que realice a autorización da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
  • O concurso realizarase mediante mangas deportivas de mañá e tarde, con rotación por sorteo, tanto de cotos como de postos, ambos días.
  • As mangas terán unha duración de 2.30 horas cada unha: pola mañá de 8.00 a 10.30 e de 10.30 a 13.00 horas; e pola tarde, de 16.00 a 18.30 e de 18.30 a 21.00 horas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies