Máis de 11.000 persoas ateigan A Estrada na cuadraxésimo terceira Festa do Salmón

A Estrada celebrou hoxe con éxito a 43ª edición da Festa do Salmón, que conseguiu ateigar as rúas da vila con máis de 11.000 asistentes, unha cifra que supón un ascenso de algo máis do 10% respecto aos 10.000 contabilizados no ano anterior. A cita gastronómica tivo o seu acto máis multitudinario na degustación popular, que repartiu 2.300 bandexas cun total de 6.900 pinchos de salmón cociñados por unha decea de establecementos que ofreceron ata trinta receitas distintas, demostrando o liderado nacional da Estrada á hora de ofrecer variedade e calidade sobre a preparación do “rei do río”.

Os actos festivos arrancaron pouco despois do mediodía no Teatro Principal da Estrada, onde tivo lugar a lectura do pregón a cargo da catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao e a imposición dos salmóns de ouro á citada profesora universitaria, así como á agrupación folclórica Tequexetéldere e ao Club Bádminton A Estrada. Kike Vázquez e Rodrigo Sanjurjo recibiron, respectivamente, os galardóns no nome destas dúas entidades. Todas estas actividades estiveron respaldadas pola secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, que quixo deste xeito amosar o seu apoio a todas as iniciativas promocionais da Estrada.

No turno de intervencións, tanto o presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Luis Reimóndez, como o alcalde da Estrada, José López, coincidiron na necesidade de seguir potenciando todas as accións en torno á Festa do Salmón para tentar, a medio prazo, subir a actual categoría de Festa de Interese Autonómico pola Nacional.

O rexedor estradense anunciou a creación dun Plan Integral de Promoción da Festa do Salmón que, conxuntamente coa edición das novas guías de turismo da Estrada, debe dar un novo pulo a esta cita apostando por atraer a visitantes de toda España baseándose no fornecemento dos vínculos co río Ulla e cos coutos salmoeiros do municipio. Tamén louvou aos hostaleiros polo seu esforzo e innovación nas creacións culinarias e pediulles que pensen na festa como o medio para atraer a comensais do salmón durante todo o ano.

Tras o acto institucional, o interese centrouse na degustación na contorna do Novo Mercado, que estreaba un novo formato chill out exterior que causou as delicias dos asistentes. Coa música en vivo de Míster Cool, os presentes desfrutaron dos pinchos de salmón de Cervela, La Bombilla, Don Juan, Peares, Samaná, A Casa do Pan, Nixon, O Asador de Leo, Velis Nolis e Mar de Compostela e a sidra de Lagar de Ribela. Paralelamente, a Feira da Artesanía, a concentración de vehículos clásicos, a exposición fotográfica dos Xenerais da Ulla e o espectáculo infantil de monicreques de As Titiriteiras espertaron a atención do público.

A degustación popular e a boa entrada que rexistraron os bares e terrazas do municipio, moitos dos cales serviron tapas de salmón gratuítamente coas consumicións, deron paso aos milleiros de xantares en casas e restaurantes. Os asistentes encheron as 2.000 prazas dos establecementos da Estrada para comer salmón e deixaron boa mostra da proxección e coñecemento do evento en toda Galicia, xa que se localizaron visitantes procedentes de Santiago de Compostela, Teo, Ames, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Vigo, Lalín, Silleda e Vilagarcía de Arousa, entre outras.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies