A Estrada programa unha trintena de actividades para a XLIV Festa do Salmón

O Concello da Estrada acaba de dar a coñecer o programa da XLIV Festa do Salmón, que inclúe unha trintena de actividades de gastronomía, pesca, música, teatro, folclore, deporte e cultura nas vindeiras dez xornadas ata a celebración do día grande desta cita de interese turístico o domingo 21 de maio.

O programa festivo arranca na xornada de hoxe coa ruta-degustación de tapas de salmón en cinco dos 28 locais de hostalaría que se sumaron a este atractivo e consolidado percorrido gastronómico en torno ao “rei do río”. Esta actividade desenvolverase tamén o sábado 13, domingo 14, venres 19 e sábado 20 de maio. Ademais, nesta primeira xornada tamén haberá a actuación musical de rúa de Os Ke Hai, dende as 20.00 horas, e a obra teatral “A cabeza do dragón”, que comezará ás 21.00 horas no Teatro Principal.

Polo demais, o concello estradense organizou para esta edición un total de doce actuacións musicais, entre as que destacan o concerto tributo a U2 da banda italiana Zen Garden (martes 16 ás 21.30 horas no Teatro Principal) ou as actuacións de El Búho e Nosoutros Folk os días 19 e 20 na Zona dos Viños. Tamén se levarán a cabo diversas iniciativas vencelladas ao río Ulla e a pesca, como o XLI Concurso Internacional de Pesca de Salmón, o Rafting do Ulla ou o obradoiro de montaxe de moscas para a pesca do salmón. Deste xeito, buscouse complementar, cun programa moi amplo e ecléctico dirixido a xente de todas as idades e gustos, a vertente gastronómica desta festa, unha das máis antigas da comunidade no ámbito culinario.

A XLIV Festa do Salmón tamén inclúe outras citas importantes, como a Feira Multisectorial con antigüidades, artesanía, labores e encontro de palilleiras que se celebrará esta fin de semana, a Carreira 5K do Salmón na xornada de mañá, a tradicional ofrenda floral polas Letras Galegas na alameda, a exposición fotográfica da Rapa das Bestas a cargo de Sindo Novoa e o monólogo de Miguel Lago o venres 19, as propostas de Tequexetéldere o martes 16 e o sábado 20 co Festival Folclórico do Salmón, e a lectura do pregón, a imposicións dos Salmóns de Ouro e a degustación popular xa o domingo 21.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies