A Estrada agarda a máis de 10.000 persoas o domingo no día grande da XLIV Festa do Salmón

O Concello da Estrada agarda recibir a máis de 10.000 persoas o vindeiro domingo por mor do día grande da XLIV Festa do Salmón, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013 e que se atopa consolidada na nosa comunidade como unha referencia do calendario gastronómico da primavera ao tratarse dunha das citas populares culinarias de maior antigüidade.

Porén, o concello estradense ten programadas unha quincena de actividades para toda esta fin de semana, que inclúen gastronomía coa clausura da Ruta-Degustación de Tapas de Salmón nos locais de hostalaría e restauración, deporte co Rafting do Ulla e o Raid Hípico, o Festival Folclórico do Salmón da man de Tequexetéldere, as actuacións musicais de Os Ke Hai, Retrouso, Os Regatos, El Búho, La Gramola Gominola, Nosoutros e Tamparrantán ou a inauguración da mostra fotográfica “Un día na Rapa das Bestas”, de Sindo Novoa.

Xa o domingo, a xornada festiva comezará coa concentración de automóbiles clásicos e o obradoiro de montaxe de moscas para a pesca do salmón, que darán o testemuño ao acto institucional, no Teatro Principal, da lectura do pregón a cargo do profesor da Universidade de Santiago Juan Luis Blanco Valdés e a imposición dos Salmóns de Ouro ao propio pregoeiro, á mestra Dolores Araújo e, a título póstumo, ao empresario de hostalaría Ramiro Abelleiro.

A continuación, o Novo Mercado e a súa contorna acollerán, dende as 12.30 horas, a multitudinaria degustación popular, que se complementará con actuacións musicais e actividades infantís. Na degustación tomarán parte os establecementos Nixon, O Asador de Leo, La Bombilla, Cervela, Mar de Compostela, Velis Nolis Bistró, A Casa do Pan, Os Peares, Argentinos Burguer e A Pequena Taberna, así como os lagares locais Sidra de Ribela e Torres de Moreda. En total, serviranse 2.500 bandexas, con dous pinchos de salmón cada unha, a un prezo de 4 euros.

Nas últimas datas, o interese informativo e social pola festa está en claro ascenso, con numerosas canles de televisión e radio emitindo programas en directo dende espazos públicos e restaurantes da Estrada, e cunha gran repercusión nas redes sociais oficiais desta cita gastronómica. Así, as publicacións da festa na última semana en Facebook e Twitter chegaron a máis de 60.000 persoas e xeneraron máis de 3.500 interaccións por parte dos usuarios.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies