Numerosos medios galegos e nacionais emiten os seus programas en directo dende A Estrada pola XLIV Festa do Salmón

Numerosos medios de comunicación de ámbito galego e nacional, nomeadamente canles de radio e televisión, estanse a desprazar ao Concello da Estrada nestas datas previas á XLIV Festa do Salmón para realizar e emitir programas en directo, o que dá unha boa mostra do elevado interese informativo e social que está a espertar este certame, declarado de interese turístico en 2013 e considerado unha referencia do circuíto gastronómico de Galicia.

Así, o programa “Bos Días” da Televisión de Galicia (TVG), o magazine rexional matinal da Cadena COPE, o programa “España Directo” de Televisión Española (TVE) -na imaxe- ou o “Aquí Galicia” das tardes dos sábados na canle autonómica, entre outros, elexiron A Estrada como plató para informar e promocionar a Festa do Salmón. Asimesmo, decenas de medios de comunicación de prensa escrita, formato dixital, radio ou televisión tamén están a realizar informacións, entrevistas ou reportaxes sobre esta festa, unha das máis antigas da comunidade no ámbito gastronómico.

O interese informativo compleméntase coa elevada repercusión do Salmón 2017 nas redes sociais, onde as publicacións chegaron a máis de 60.000 persoas nos últimos sete días e xeneraron máis de 3.500 interaccións dos usuarios.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies