Máis de 35 hostaleiros participarán nas citas gastronómicas da XLV Festa do Salmón

O Concello da Estrada está a piques de pechar a programación da XLV Festa do Salmón, que celebrará o seu día grande o vindeiro domingo 20 de maio, e que xa ten confirmada unha masiva presenza do sector da hostalaría e da restauración locais, xa que máis de 35 establecementos ofrecerán as súas creacións en torno ao “rei do río” nas citas gastronómicas deste certame: a ruta de tapas e a degustación popular.

O programa no que está a traballar o goberno estradense mantén “unha liña continuista”, segundo explicou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, que avoga por consolidar “un formato que funciona, xa que converte á Estrada no epicentro gastronómico de Galicia durante o mes de maio e atrae a milleiros de persoas ao municipio para gozar da natureza e dos coutos de pesca e da gastronomía en torno ao salmón”.

Deste xeito, o Concurso Internacional de Pesca do Salmón, organizado pola Sociedade Deportiva Río Ulla e que celebrará a súa 42ª edición coas 52 prazas cubertas a vindeira fin de semana, a ruta de tapas, a lectura do pregón coa entrega dos Salmóns de Ouro e a citada degustación popular serán os catro eixos centrais da cita gastronómica, que tamén contará con múltiples actividades infantís, culturais, deportivas e musicais para todos os públicos e cunha nova edición do obradoiro de montaxe de moscas, que se prolongará durante dúas xornadas.

Tras o arranque das actividades coa competición deportiva nos coutos estradenses, chegará a ruta de tapas entre os días 16 e 19 de maio, aproveitando a festividade intermedia das Letras Galegas, coa participación de 26 establecementos. Xa no día grande, terá lugar a lectura do pregón e a entrega dos Salmóns de Ouro, cuxas identidades serán dadas a coñecer polos membros do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) durante a presentación oficial da festa. Ademais, a degustación popular manterá o mesmo esquema exitoso do ano anterior no Novo Mercado e na súa contorna coas creación culinarias de once establecementos. Tamén se lle dá continuidade ao prezo de 4 euros por cada bandexa, que contén dous pinchos.

Deste xeito, o Concello da Estrada copará as nove xornadas centrais do mes de maio, con dúas fins de semana, coa XLV Festa do Salmón e todas as súas actividades, o que atraerá a milleiros de visitantes ao municipio. “Agardamos que os nosos veciños e xente de toda Galicia se acheguen á Estrada e gozar da natureza e a pesca e tamén que ateiguen durante todo o ano, pero especialmente nestas datas sinaladas, os nosos restaurantes e locais de hostalaría para saborear unhas receitas únicas de salmón”, detallou Constenla, que indicou que todos os detalles do programa e o cartel promocional desta Festa de Interese Turístico de Galicia coñeceranse durante a presentación oficial da vindeira semana.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies