O neurocientífico Carlos Acuña Castroviejo será o pregoeiro da XLV Festa do Salmón

O neurocientífico e catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Acuña Castroviejo será o pregoeiro da XLV Festa do Salmón da Estrada, que imporá a súa máxima distinción, o Salmón de Ouro, a este persoeiro, á Coral Polifónica Estradense e á Fundación Casa Ducal de Medinaceli.

As máximas honras institucionais do certame déronse a coñecer hoxe no acto de presentación oficial, que contou coa presenza do alcalde, José López Campos; o presidente do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT), Luis Reimóndez; e Adriana Abelleiro, en representación dos hostaleiros.

Luis Reimóndez, que aproveitou para presentar a nova imaxe corporativa do CIT, destacou o “gran prestixio persoal e profesional” do pregoeiro e puxo en valor o elenco de figuras que forman parte desta relación desde 1974: “Como di bastante xente, os pregóns do Salmón son outra cousa”. Así mesmo, explicou que a concesión dos Salmóns de Ouro pretenden premiar a traxectoria e aposta pola cultura e a música da masa coral local e a preservación do patrimonio do Pazo de Oca e a súa apertura aos estradenses no caso da Casa Ducal de Medinaceli.

Polo demais, durante a presentación debulláronse especialmente os catro eixos do programa, que comezarán esta mesma fin de semana co 42º Concurso Internacional de Pesca do Salmón nos coutos estradenses de Sinde, Ximonde, Couso e Pontevea no río Ulla. O certame contará con 52 participantes chegados de toda España e confírmase como o máis prestixio de toda a franxa norte peninsular.
Así mesmo, proseguiuse coa Ruta-Degustación de Tapas, que se prolongará do mércores 16 ao sábado 19 de maio coa participación de 28 establecementos e un prezo unitario de 1,80 euros por cada pincho. E finalmente, lembrouse que a degustación popular do día grande da festa, o domingo 20, comezará tras a la lectura do pregón e a entrega dos Salmóns de Ouro, programados para o mediodía no Teatro Principal.

A degustación manterá o mesmo formato dos últimos anos, celebrándose no Novo Mercado e a súa contorna urbana da Praza do Mercado e a rúa Álvarez Insua e cun prezo de 4 euros por cada bandexa de dous pinchos de salmón. En total, participarán dez establecementos, Nixon, O Asador de Leo, Panadería Cervela, A Bombilla, Mar de Compostela, Velis Nolis Bistró, A Casa do Pan, Os Peares Argentinos Burguer e Samaná, aos que se sumará Sidra Lagar de Ribela.

Durante a presentación, o rexedor estradense salientou que esta festa “é a gran referencia da gastronomía e da pesca” durante a primavera na comunidade galega e puxo en valor “a súa traxectoria consolidada e gran prestixio” no circuíto das principais citas culinarias. Tamén destacou, cando se cumpre un lustro da concesión da categoría de Festa de Interese Turístico, o “traballo continuista con pequenas doses de innovación que permiten que sexa un certame reconocible que atrae a moita xente durante estas semanas e que ateigará a vila con máis de 10.000 persoas no seu día grande”.

Finalmente, agradeceu ao CIT e á Sociedade Deportiva Río Ulla o seu traballo de colaboración na organización da festa e louvou ao sector da restauración e a hostalaría “por participar masivamente nas dúas grandes citas gastronómicas deste certame e por facelo cuns altos niveis de calidade e enxeño na mistura de tradición e innovación para facer da Estrada a gran referencia de España á hora de preparar o salmón”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies