44 anos

A Estrada celebra o 21 de maio de 2017 a cuadraxésimo cuarta edición da Festa do Salmón, cita gastronómica que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013.

A tradición salmoneira no municipio estradense remóntase aos anos da posguerra, época na que os coutos locais de pesca de salmón (naquel entón Couso, Sinde e Ximonde) eran un fervedoiro de afeccionados na percura do denominado “rei do río”. Naqueles anos, a riqueza do río Ulla era tal que centos de salmóns saían cada ano con destino a todos os puntos da xeografía galega e tamén do resto de España. Nembargantes, a meirande parte das capturas remataban nas cociñas estradenses, que se acostumaron a preparalo de múltiples formas, facéndose acreedoras dunha merecida reputación.

Foi xa na década dos anos 70 cando o recentemente creado Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) decidiu incorporar á Estrada ao entón reducido circuito de festas gastronómicas de Galicia. Con tal fin conformábase a primeira comisión organizadora da Festa do Salmón, que estaba integrada polo presidente do Recreo Cultural, Enrique Cerviño; o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Río Ulla, Ángel Fernández-Novoa; o presidente do Club Deportivo Estradense, Alfonso Varela; un representante do CIT, Ramiro Abelleira; e un representante da Corporación Municipal, Manuel  Taboada. Tras meses de traballo e preparación, o 2 de xuño de 1974 celebrábase a primeira edición da Festa do Salmón da Estrada.

I FESTA SALMÓN 1974Desde os seus comezos, as celebracións incorporaron diferentes actos que permaneceron practicamente invariables co paso do tempo, como son a lectura do pregón, o deseño e promoción a través dun cartel anunciador, a celebración do Concurso Internacional de Pesca ou as exposicións filatélicas.

Ademais, ao longo das catro décadas de historia da festa fóronse incorporando diferentes actividades co obxectivo de realzar a súa repercusión en toda Galicia e de abranguer ámbitos de interese social, cultural, infantil ou deportivo: concursos de receitas inéditas, festivais folclóricos, verbenas e concertos, espectáculos de maxia, certames de escaparatismo e fotografía, elaboración de guías turísticas, actos de recoñecemento ao labor de impulso da festa coa entrega de Salmoeiras de Prata, Certames de Gaiteiros Solistas, concentracións de automóbiles antigos, Galas de Gastronomía, Diversalmón, feiras de antigüidades, torneos de xadrez ou rotas en bicicleta de montaña, entre outras moitas.

Corenta anos despois da celebración da primeira edición do certame, a Festa do Salmón veu recoñecido o seu prestixio en 2013 coa declaración, por parte da Xunta de Galicia, como Festa de Galicia de Interese Turístico.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies