Gastronomía

Gala do Salmón 2012

Gala do Salmón 2012

A gastronomía é un dos principais eixos económicos e turísticos do Concello da Estrada. Dende sempre, nesta bisbarra apostouse por tentar pechar un círculo que levaba o salmón dende os fructíferos coutos de Couso, Sinde e Ximonde ata as mesas das casas e dos restaurantes. Aínda cando as capturas do “rei do río” comezaron a diminuír, a sabedoría e experiencia adquiridas polos cociñeiros e as cociñeiras estradenses acertaron ao converter a Festa do Salmón nun altofalante que leva a sona da gastronomía estradense por Galicia adiante e tamén por toda España.

Se ben é certo que a cociña da capital de Tabeirós-Terra de Montes é prolífica e de fama recoñecida na preparación de moitos pratos, o salmón sitúase por riba de todos eles con máis dun cento de xeitos de preparalo. De feito, a lenda apunta que os fogóns destas terras coñecen preto dun milleiro de formas de darlle sabor ao “rei do río”, moitas delas xa recuperadas en varias publicacións e receitarios.

Á xuliana, en ensalada de escalfardos con pasta á menta, ao estilo da avoa, ao forno, en col rechea, á pementa, en brocheta, salvaxe, mariñado… Chegado o mes de maio é o tempo de comprobar que a gastronomía estradense que se sustenta na preparación das rosadas carnes do salmón ofrece posibilidades infindas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies