edirecto

Numerosos medios galegos e nacionais emiten os seus programas en directo dende A Estrada pola XLIV Festa do Salmón

Numerosos medios de comunicación de ámbito galego e nacional, nomeadamente canles de radio e televisión, estanse a desprazar ao Concello da Estrada nestas datas previas á XLIV Festa do Salmón para realizar e emitir programas en directo, o que dá unha boa mostra do elevado interese informativo e social que está a espertar este certame, declarado de interese turístico en 2013 e considerado unha referencia do circuíto gastronómico de Galicia.

Así, o programa “Bos Días” da Televisión de Galicia (TVG), o magazine rexional matinal da Cadena COPE, o programa “España Directo” de Televisión Española (TVE) -na imaxe- ou o “Aquí Galicia” das tardes dos sábados na canle autonómica, entre outros, elexiron A Estrada como plató para informar e promocionar a Festa do Salmón. Asimesmo, decenas de medios de comunicación de prensa escrita, formato dixital, radio ou televisión tamén están a realizar informacións, entrevistas ou reportaxes sobre esta festa, unha das máis antigas da comunidade no ámbito gastronómico.

O interese informativo compleméntase coa elevada repercusión do Salmón 2017 nas redes sociais, onde as publicacións chegaron a máis de 60.000 persoas nos últimos sete días e xeneraron máis de 3.500 interaccións dos usuarios.

A Estrada agarda a máis de 10.000 persoas o domingo no día grande da XLIV Festa do Salmón

O Concello da Estrada agarda recibir a máis de 10.000 persoas o vindeiro domingo por mor do día grande da XLIV Festa do Salmón, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013 e que se atopa consolidada na nosa comunidade como unha referencia do calendario gastronómico da primavera ao tratarse dunha das citas populares culinarias de maior antigüidade.

Porén, o concello estradense ten programadas unha quincena de actividades para toda esta fin de semana, que inclúen gastronomía coa clausura da Ruta-Degustación de Tapas de Salmón nos locais de hostalaría e restauración, deporte co Rafting do Ulla e o Raid Hípico, o Festival Folclórico do Salmón da man de Tequexetéldere, as actuacións musicais de Os Ke Hai, Retrouso, Os Regatos, El Búho, La Gramola Gominola, Nosoutros e Tamparrantán ou a inauguración da mostra fotográfica “Un día na Rapa das Bestas”, de Sindo Novoa.

Xa o domingo, a xornada festiva comezará coa concentración de automóbiles clásicos e o obradoiro de montaxe de moscas para a pesca do salmón, que darán o testemuño ao acto institucional, no Teatro Principal, da lectura do pregón a cargo do profesor da Universidade de Santiago Juan Luis Blanco Valdés e a imposición dos Salmóns de Ouro ao propio pregoeiro, á mestra Dolores Araújo e, a título póstumo, ao empresario de hostalaría Ramiro Abelleiro.

A continuación, o Novo Mercado e a súa contorna acollerán, dende as 12.30 horas, a multitudinaria degustación popular, que se complementará con actuacións musicais e actividades infantís. Na degustación tomarán parte os establecementos Nixon, O Asador de Leo, La Bombilla, Cervela, Mar de Compostela, Velis Nolis Bistró, A Casa do Pan, Os Peares, Argentinos Burguer e A Pequena Taberna, así como os lagares locais Sidra de Ribela e Torres de Moreda. En total, serviranse 2.500 bandexas, con dous pinchos de salmón cada unha, a un prezo de 4 euros.

Nas últimas datas, o interese informativo e social pola festa está en claro ascenso, con numerosas canles de televisión e radio emitindo programas en directo dende espazos públicos e restaurantes da Estrada, e cunha gran repercusión nas redes sociais oficiais desta cita gastronómica. Así, as publicacións da festa na última semana en Facebook e Twitter chegaron a máis de 60.000 persoas e xeneraron máis de 3.500 interaccións por parte dos usuarios.

pesca

Arturo Parada proclámase vencedor do XLI Concurso Internacional de Pesca de Salmón na Estrada

O coruñés Arturo Parada proclamouse vencedor do XLI Concurso Internacional de Pesca do Salmón, organizado pola Sociedade Deportiva Río Ulla, cunha peza de 5,623 quilogramos. En segundo lugar clasificouse Manuel Aldariz Martínez, cunha peza de 5,198 quilos pescada na xornada do sábado en Ximonde, e en terceiro lugar, Ramiro Martínez Pereiras, cun salmón de 4,521 quilogramos, que foi o último en pescarse na xornada dominical. A entrega de premios tivo lugar no restaurante A Fandiña e contou coa presenza do alcalde, José López Campos, e do presidente da SD Río Ulla, Miguel de la Calle, entre outros convidados.

A Estrada programa unha trintena de actividades para a XLIV Festa do Salmón

O Concello da Estrada acaba de dar a coñecer o programa da XLIV Festa do Salmón, que inclúe unha trintena de actividades de gastronomía, pesca, música, teatro, folclore, deporte e cultura nas vindeiras dez xornadas ata a celebración do día grande desta cita de interese turístico o domingo 21 de maio.

O programa festivo arranca na xornada de hoxe coa ruta-degustación de tapas de salmón en cinco dos 28 locais de hostalaría que se sumaron a este atractivo e consolidado percorrido gastronómico en torno ao “rei do río”. Esta actividade desenvolverase tamén o sábado 13, domingo 14, venres 19 e sábado 20 de maio. Ademais, nesta primeira xornada tamén haberá a actuación musical de rúa de Os Ke Hai, dende as 20.00 horas, e a obra teatral “A cabeza do dragón”, que comezará ás 21.00 horas no Teatro Principal.

Polo demais, o concello estradense organizou para esta edición un total de doce actuacións musicais, entre as que destacan o concerto tributo a U2 da banda italiana Zen Garden (martes 16 ás 21.30 horas no Teatro Principal) ou as actuacións de El Búho e Nosoutros Folk os días 19 e 20 na Zona dos Viños. Tamén se levarán a cabo diversas iniciativas vencelladas ao río Ulla e a pesca, como o XLI Concurso Internacional de Pesca de Salmón, o Rafting do Ulla ou o obradoiro de montaxe de moscas para a pesca do salmón. Deste xeito, buscouse complementar, cun programa moi amplo e ecléctico dirixido a xente de todas as idades e gustos, a vertente gastronómica desta festa, unha das máis antigas da comunidade no ámbito culinario.

A XLIV Festa do Salmón tamén inclúe outras citas importantes, como a Feira Multisectorial con antigüidades, artesanía, labores e encontro de palilleiras que se celebrará esta fin de semana, a Carreira 5K do Salmón na xornada de mañá, a tradicional ofrenda floral polas Letras Galegas na alameda, a exposición fotográfica da Rapa das Bestas a cargo de Sindo Novoa e o monólogo de Miguel Lago o venres 19, as propostas de Tequexetéldere o martes 16 e o sábado 20 co Festival Folclórico do Salmón, e a lectura do pregón, a imposicións dos Salmóns de Ouro e a degustación popular xa o domingo 21.

josecit

Juan Blanco Valdés será o pregoeiro da XLIV Festa do Salmón e Ramiro Abelleiro e Dolores Araújo recibirán os Salmóns de Ouro

O presidente do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT), Luis Reimóndez, e o alcalde da Estrada, José López, foron os encargados de revelar o nome do pregoeiro da XLIV Festa do Salmón e dos outros dous estradenses que xunto con el serán distinguidos cos Salmóns de Ouro o vindeiro día 21.

Nesta edición, o pregoeiro será o filólogo, escritor e editor da USC Juan Blanco Valdés, fillo do que fora alcalde estradense Mario Blanco e unha persoa que segue moi vinculada á cultura local, sendo ademais patrono do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela.

Ademais do propio pregoeiro, recibirá un Salmón de Ouro -a título póstumo- o empresario Ramiro Abelleiro, creador do restaurante Sala Gradín e da discoteca Lennon, que marcou o comezo dunha saga familiar adicada ao sector da hostalaría.

O outro Salmón de Ouro recibirao a mestra Noni Araújo, que, ademais de ter sido presidenta da Asociación de Consumidores e Amas de Casa durante moitos anos, destaca polo seu activismo nos eidos social e cultural, participando na creación de premios como o de poesía Avelina Valladares ou incluso contribuíndo no seu día a mellorar a propia Festa do Salmón.

ruta interior

28 establecementos participan na Ruta-Degustación de Tapas de Salmón

Un total de 28 establecementos de hostalaría e restauración da Estrada participarán nunha nova edición da Ruta-Degustación de Tapas de Salmón, que se celebrará os días 12, 13, 14, 19 e 20 de maio como adianto culinario da xornada central desta festa gastronómica, declarada de interese turístico no ano 2013. As propostas dos locais, que se dividirán por xornadas, son as seguintes:

Venres 12

– La Bombilla: salmón agridoce
– O Candil de Silvia: salmón con crocante de arroz
– Robert´s Café: mexilóns ensalmonados
– O Bodegón: niño de salmón con gulas
– Taberna Navegación: marmitako de algas con salmón

Sábado 13

– Enredo: bocado Enredo, muss de salmón
– A Pequena Taberna: churrasco de salmón
– 20 Berzas: tosta de salmón con queixo, alcaparras, cogombro e cogollos
– Velis Nolis Bistró: salmón con algas

Domingo 14

-Argentinos Burguer: flor de salmón e calabacín
-Café Boliche: espetada de croquetas de salmón con tomate cherry e base de salmón afumado
-A Taberna da Feira: mariquitas en mar de salmón
-Tapería O Lar: cheesecake de salmón
-Nixón: salmón Nixon

Venres 19

-Os Peares: bacallao de salmón afumado con queixo
-Restaurante Andalucía: espetada de salmón
-Café Central: cóctel de salmón
-Nicol´s: rollito de salmón con queixo
-Alameda: hamburguesa de pan negro con salmón, brotes verdes, tomate e queixo crema con herbas
-Samaná: espeto de salmón e zamburiña marinada con lima e tomatitos, wok basmati, cogomelos e ali-oli lixeira de ourizo e cítrico

Sábado 20

-Oasis: salmón ao forno con salsa de iogur
-Eureka: espetada de salmón
-O Café de Xulia: magdalenas salgadas con salmón eneldo
-O Paseo: liscos de salmón mariñado ao Paseo
-A Vila: taco de salmón sobre ensalada de pementos vermellos con mostaza antiga á mel
-Mesón da Estrada: sabores de primavera
-Bar O Rollo: Ás beiras do Ulla
-O Vallefresco: espeto de salmón con verduras acompañado de seta shitaki

 

 

 

 

Festa do Salmón

Máis de 11.000 persoas ateigan A Estrada na cuadraxésimo terceira Festa do Salmón

A Estrada celebrou hoxe con éxito a 43ª edición da Festa do Salmón, que conseguiu ateigar as rúas da vila con máis de 11.000 asistentes, unha cifra que supón un ascenso de algo máis do 10% respecto aos 10.000 contabilizados no ano anterior. A cita gastronómica tivo o seu acto máis multitudinario na degustación popular, que repartiu 2.300 bandexas cun total de 6.900 pinchos de salmón cociñados por unha decea de establecementos que ofreceron ata trinta receitas distintas, demostrando o liderado nacional da Estrada á hora de ofrecer variedade e calidade sobre a preparación do “rei do río”.

Os actos festivos arrancaron pouco despois do mediodía no Teatro Principal da Estrada, onde tivo lugar a lectura do pregón a cargo da catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao e a imposición dos salmóns de ouro á citada profesora universitaria, así como á agrupación folclórica Tequexetéldere e ao Club Bádminton A Estrada. Kike Vázquez e Rodrigo Sanjurjo recibiron, respectivamente, os galardóns no nome destas dúas entidades. Todas estas actividades estiveron respaldadas pola secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, que quixo deste xeito amosar o seu apoio a todas as iniciativas promocionais da Estrada.

No turno de intervencións, tanto o presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Luis Reimóndez, como o alcalde da Estrada, José López, coincidiron na necesidade de seguir potenciando todas as accións en torno á Festa do Salmón para tentar, a medio prazo, subir a actual categoría de Festa de Interese Autonómico pola Nacional.

O rexedor estradense anunciou a creación dun Plan Integral de Promoción da Festa do Salmón que, conxuntamente coa edición das novas guías de turismo da Estrada, debe dar un novo pulo a esta cita apostando por atraer a visitantes de toda España baseándose no fornecemento dos vínculos co río Ulla e cos coutos salmoeiros do municipio. Tamén louvou aos hostaleiros polo seu esforzo e innovación nas creacións culinarias e pediulles que pensen na festa como o medio para atraer a comensais do salmón durante todo o ano.

Tras o acto institucional, o interese centrouse na degustación na contorna do Novo Mercado, que estreaba un novo formato chill out exterior que causou as delicias dos asistentes. Coa música en vivo de Míster Cool, os presentes desfrutaron dos pinchos de salmón de Cervela, La Bombilla, Don Juan, Peares, Samaná, A Casa do Pan, Nixon, O Asador de Leo, Velis Nolis e Mar de Compostela e a sidra de Lagar de Ribela. Paralelamente, a Feira da Artesanía, a concentración de vehículos clásicos, a exposición fotográfica dos Xenerais da Ulla e o espectáculo infantil de monicreques de As Titiriteiras espertaron a atención do público.

A degustación popular e a boa entrada que rexistraron os bares e terrazas do municipio, moitos dos cales serviron tapas de salmón gratuítamente coas consumicións, deron paso aos milleiros de xantares en casas e restaurantes. Os asistentes encheron as 2.000 prazas dos establecementos da Estrada para comer salmón e deixaron boa mostra da proxección e coñecemento do evento en toda Galicia, xa que se localizaron visitantes procedentes de Santiago de Compostela, Teo, Ames, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Vigo, Lalín, Silleda e Vilagarcía de Arousa, entre outras.

Presentación da XLIII Festa do Salmón

A Estrada programa preto de 30 actividades culturais, gastronómicas e deportivas para a XLIII Festa do Salmón

O Concello da Estrada presentou este mediodía en rolda de prensa a programación da XLIII Festa do Salmón, que comprende preto dunha trintena de actividades gastronómicas, deportivas e culturais e que arranca mañá cunha Ruta-Degustación de Tapas de Salmón na que participan un total de 26 establecementos do sector da hostalaría e a restauración.

O concelleiro de Cultura estradense, Juan Constenla, salientou que “a Festa do Salmón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013, ademais dun dos grandes atractivos turísticos da Estrada, é un dos principais eventos gastronómicos de Galicia tras 43 edicións”. Tamén puxo de manifesto “o triple enfoque da programación de actividades, xa que está distribuida entre os ámbitos gastronómico, deportivo-medioambiental e lúdico-cultural”.

Xunto co concelleiro de Cultura compareceu tamén o presidente do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) da Estrada, Luis Reimóndez, que foi o encargado de anunciar que a pregoeira nesta cuadraxésimo terceira edición será a catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao, que é natural da parroquia estradense de Arnois. Ademais, Reimóndez anunciou tamén que, xunto coa propia pregoeira, a distinción dos Salmóns de Ouro recibirana o domingo 15 o Club Bádminton A Estrada e a agrupación folclórica tradicional Tequexetéldere, tamén da Estrada.

Coutos de Ximonde, Santeles e Sinde

Pola súa parte, o presidente da Sociedade Deportiva Río Ulla, Miguel de la Calle, adiantou que esta fin de semana celebrarase nos coutos de Ximonde, Santeles e Sinde o XL Concurso Internacional de Pesca do Salmón, que conta con 48 participantes inscritos. Ao respecto, indicou que “o bo inicio da campaña de pesca do salmón no río Ulla, no que se rexistraron varias capturas en poucos días, leva a pensar que este concurso cadra cun ciclo de pesca bo, polo que as perspectivas de capturas son tamén boas”.

Ruta-degustación de tapas de salmón e degustación popular

Pola súa parte, no apartado gastronómico da XLIII Festa do Salmón, a restauradora Adriana Abelleiro destacou que este ano a degustación popular do domingo 15 terá lugar na Praza do Mercado, onde 13 establecementos distribuirán as bandexas con 3 pinchos de salmón a un prezo de 4,5 euros. Ademais, mañá venres arranca a Ruta-degustación de tapas de salmón, que nesta ocasión incrementou a participación de hostalerios e conta con 26 establecementos inscritos. O prezo das tapas, que poden consumirse de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00, será de 1,5 euros cada unha.

Sorteo-concurso-salmón

Río Ulla organiza o XL Concurso Internacional de Pesca do Salmón os días 7 e 8 de maio

O Concurso Internacional de Pesca do Salmón organizado pola Sociedade Deportiva Río Ulla alcanzará este ano a súa cuadraxésima edición. Nesta ocasión, o campionato celebrarase os días 7 e 8 de maio nos coutos de Ximonde, Santeles e Sinde.

Algunhas das normas que rexerán o concurso son as seguintes:

  • Os aparellos e cebos serán os autorizados para a pesca do salmón segundo a normativa de pesca fluvial da Xunta de Galicia.
  • O número máximo de capturas por concursante será de dous salmóns durante todo o campionato (un por xornada), deixando de pescar no momento, de darse o caso.
  • Os salmóns capturados no campionato serán de propiedade dos seus captores, pero deberán ser guiados no momento e pasarán a formar parte da exposición do concurso ata a entrega de trofeos, que terá lugar no acto de clausura.
  • No caso de capturar a cota asignada ao concurso antes da súa clausura, darase por finalizado o campionato nese mesmo momento, non podendo realizarse outra modalidade de pesca.
  • A cota para o sábado 7 de maio será a metade dos salmóns asignados para o concurso.
  • Para a puntuación do concurso teranse en conta o número de pezas, o peso e as dimensións dos exemplares capturados. Non serán válidos os salmóns que non superen os 40 centímetros, que deberán ser soltados ao río.
  • O número de prazas previsto para o concurso é de 48. Nembargantes, está supeditado a calquera cambio que realice a autorización da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
  • O concurso realizarase mediante mangas deportivas de mañá e tarde, con rotación por sorteo, tanto de cotos como de postos, ambos días.
  • As mangas terán unha duración de 2.30 horas cada unha: pola mañá de 8.00 a 10.30 e de 10.30 a 13.00 horas; e pola tarde, de 16.00 a 18.30 e de 18.30 a 21.00 horas.
Fb salmón

A actividade nas redes sociais da Festa do Salmón alcanzou a máis de 57.000 persoas no último ano

As páxinas que a Festa do Salmón xestiona en Facebook e Twitter para informar sobre as actividades deste evento e para multiplicar a súa difusión, e que contan en total con máis de 1.150 seguidores, alcanzaron entre marzo de 2015 e marzo de 2016 a máis de 57.000 persoas. Ademais, neste periodo, o número de seguidores incrementouse nun 19,8 por cento.

Pola súa parte, desde a estrea da páxina web www.festadosalmon.com en maio de 2013 foron 6.480 os usuarios que visitaron esta web -unha ou múltiples veces- para informarse sobre a historia e a programación de actividades da Festa do Salmón.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies