José López aposta por desestacionalizar a gastronomía do salmón e reforzar a promoción exterior da festa

O alcalde da Estrada, José López, fixo hoxe un balance da 40ª Festa do Salmón, que celebrou o seu día grande o pasado domingo 19, e amosou a súa satisfacción polo resultado xeral, aínda que xa comezou a pensar na seguinte edición anunciando que os principais retos serán a desestacionalización da gastronomía en torno ao salmón e o impulso á promoción exterior da festa.

López cre que 9.000 asistentes, case 6.000 pinchos servidos na degustación popular e centos de persoas nas actividades paralelas (Photocall, Gala Máxica, Ruta de BTT, Feira de Artesanía, Exposición de Montaxe de Moscas…) confirman a boa saúde da festa, pero subliñou que debe comezar a traballarse de inmediato no futuro desta cita gastronómica aproveitando a recente catalogación de Festa de Galicia de Interese Turístico. “A cita vai ter máis apoios, máis posibilidades de axudas e máis difusión e visibilidade ao entrar no circuíto das cen principais festas de Galicia”, sinalou.

O rexedor local está convencido de que se debe estender o programa de actividades durante máis tempo, sempre en consonancia cos hostaleiros locais, co obxectivo de desestacionalizar a gastronomía en torno ao salmón. Neste senso, a búsqueda de novas actividades e o maior vencellamento aos valores deportivos e medioambientais da pesca e do río Ulla xogarán un papel fundamental “para xerar riqueza e postos de traballo” no sector servizos e de lecer do municipio.

López tamén anunciou a súa aposta pola promoción exterior da Festa do Salmón de cara a vindeiras edicións, inicialmente por toda Galicia, para facer aumentar a cifra de visitantes máis alá dos propios estradenses. Neste contexto, cre que debería abordarse a posible comercialización do campanu e dos salmóns do Ulla como medida promocional tanto do río como da festa gastronómica. Paralelamente, estudiaranse distintas alternativas para multiplicar a imaxe e o grao de coñecemento da festa.

9.000 persoas asisten aos actos da 40ª Festa do Salmón na Estrada

Unhas 9.000 persoas asistiron na xornada de hoxe aos distintos actos programados co gallo da 40ª Festa do Salmón, celebrada na Estrada. O evento saldouse cun bo éxito de público e de espectativas por parte dos hostaleiros e dos restauradores locais, xa que na degustación popular despacháronse máis de 1.900 bandexas de tapas, o que supón uns 5.800 pinchos.

Tras a o arranque da Feira de Artesanía e da Mostra de montaxe de moscas habilitadas na alameda municipal, a atención centrouse no Teatro Principal, onde o médico Ramiro Varela deu lectura ao pregón (adxúntase íntegramente a súa intervención) e onde se procedeu á imposición dos Salmóns de Ouro ao pregoeiro, ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e ao pianista Javier Otero.

O acto, que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e do director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, serviu ao alcalde estradense, José López, para facer un chamamento á restauración e á hostalaría locais co obxectivo de comezar a traballar de inmediato en accións que favorezan a desestacionalización da gastronomía en torno ao salmón. A intención é xerar riqueza e postos de traballo neste sector, ampliando os meses nos que o salmón é unha referencia gastronómica en Galicia.

Tras desvelar a súa intención de colocar a Festa do Salmón da Estrada no panorama nacional como se merece pola súa importancia actual, José López sinalou a súa intención de traballar para permitir a comercialización do campanu e dos salmóns do Ulla, como se fai noutras partes de España, para seguir engadindo atractivos á festa.

O alcalde, que loubou aos tres galardoados, á sociedade Río Ulla, ao Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) e ao conselleiro Xesús Vázquez polo seu pulo para o novo Pérez Viondi, confía en que esta festa, a Rapa das Bestas, o Entroido dos Xenerais do Ulla e o Pazo de Oca se convirtan nos referentes turísticos do concello e permitan ir superando, pouco a pouco, o actual contexto de crise.

Tras os actos institucionais no Teatro Principal, o interese da festa desprazouse ata a carpa instalada na Praza da Constitución, onde o grupo Tequexetéldere e as formacións Nuestra Señora del Rosario (Murcia) e Salleko Dantza Eta Txistu Taldea (País Vasco) animaron a concorrida degustación popular.

Paralelamente, o Photocall do Salmón chamou a atención de máis de 500 estradenses e visitantes, xa que se repartiron máis de 250 portadas conmemorativas da 40ª Festa do Salmón coa fotografía dos participantes.

IMAG0224

A Estrada prevé acoller entre 8.000 e 10.000 persoas na 40ª Festa do Salmón

O Concello da Estrada prevé acoller entre 8.000 e 10.000 persoas mañá domingo nas actividades da cadraséxima edición da Festa do Salmón. Deste xeito, daríase un pequeno impulso á asistencia con respecto a edicións anteriores e poñeríase o primeiro chanzo para incrementar a repercusión desta cita gastronómica de cara ao futuro.

O alcalde estradense, José López, anima aos estradenses e tamén aos veciños dos demais concellos de Galicia a que se acheguen ata a vila para probar as 35 especialidades de salmón que se ofrecerán na degustación popular. O rexedor local agarda que “o tempo acompañe” para pechar con éxito estas semanas de actividades.

Ademais, indicou que o obxectivo do goberno local céntrase en seguir prestixiando a festa e estender as semanas de actividades para desestacionalizar o consumo do salmón. “A gastronomía é unha alternativa interesante para o lecer no actual contexto de crise, polo que cremos que debemos potenciar esta festa e todo o que a rodea para manter e incluso facer medrar as deceas de postos de traballo que hai na hostalaría local, así como favorecer a xeración de riqueza e o impulso da nosa economía”, subliñou, antes de lembrar a ampla oferta dos restaurantes locais que preparan o salmón, con preto de 2.000 prazas diarias e deceas de especialidades.

O rexedor cre que o Concello da Estrada conta cunha importante potencialidade nas áreas do turismo e do lecer grazas a esta festa e o seu vencellamento ao río Ulla, a Rapa das Bestas de Sabucedo e o Entroido dos Xenerais do Ulla. “A estes tres eixos debemos engadir os valores arquitectónicos, como o Pazo de Oca e moitos outros, e os naturais e paisaxísticos para artellar unha estratexia que permita que o municipio obteña rendemento e se poida mellorar a calidade de vida dos estradenses”, destacou.

*Imaxe da conexión en directo do programa A Revista (TVG) feita esta mesma mañá cos hostaleiros do concurso de tapas.

A Estrada repartirá 6.000 pinchos de salmón na degustación popular

O Concello e os restaurantes da Estrada repartirán o vindeiro domingo, 19 de maio, 6.000 pinchos de salmón durante a degustación popular da cadraséxima edición da Festa do Salmón. Os doce establecementos colaboradores servirán 2.000 bandexas de tapas, cada unha delas con tres preparados distintos en torno ao “rei do río”.

Desta volta, a festa conta cunha dúcia de establecementos colaboradores, repartidos entre oito restaurantes (Nixon, O Asador de Leo, Velis Nolis, Os Peares, La Bombilla, Sala Gradín, Don Juan e Samaná ), dúas panaderías (A Fogaza e Cervela), un operador de turismo rural (Mar de Compostela) e un lagar de sidra estradense (Sidra de Ribela). En total, ofertarán 35 especialidades distintas que van dende os pratos máis tradicionais do salmón ata os máis innovadores, incorporando cociñas internacionais e produtos de novo pulo nos mercados.

Co gallo de manter a popularidade da degustación, que acollerá a milleiros de persoas, os prezos de cada bandexa de tapas de salmón seguirán fixados en catro euros.

A Gala Máxica do Salmón e o Photocall, as citas para os máis pequenos

O Concello da Estrada acollerá mañá, sábado 18, a Gala Máxica, unha das principais actividades infantís incluídas no programa da cadraséxima Festa do Salmón. Este espectáculo, protagonizado por cinco magos e caracterizado pola súa variedade e dinamismo, comezará ás 18.00 horas na carpa habilitada na Praza da Constitución da Estrada. Cabe sinalar que o acceso é gratuíto e que se habilitarán asentos para o público.

A Gala Máxica, presentada esta mañá polo concelleiro Juan Constenla, o Mago Vituco e a súa compañeira Jessica Guloomal, está pensada especialmente para os máis pequenos, pero tamén fará as delicias do público adulto.

Actuarán Vituco e Guloomal, así como o Mago Romarís, O Gran Pedrini e o Mago da Boina. A intención deste elenco de magos é facer un espectáculo divertido durante uns 80 minutos cunha gran interacción cos rapaces.

Photocall

Por outra banda, Juan Constenla explicou que a outra gran actividade para os máis pequenos será o Photocall do Salmón, programado para o domingo 19 ás 13.00 horas na alameda municipal, xusto nas inmediacións da carpa da degustación popular.

Os rapaces interesados faranse unha fotografía diante dun fondo relacionado coa Festa do Salmón e levarán un xornal conmemorativo da cita gastronómica coa súa imaxe a modo de recordo.

ganador

O vigués Julio Gallego imponse no Concurso Internacional de Pesca de Salmón

O vigués Julio Gallego Núñez, xubilado de banca de 68 anos e afincado en Cangas, proclamouse vencedor da triséximo sétima edición do Concurso Internacional de Pesca do Salmón, celebrado esta fin de semana nos coutos estradenses de Ximonde, Couso e Sinde. Este deportista capturou na tarde do sábado, no posto de Penedo Redondo do couto de Ximonde, unha peza de 10,19 quilogramos de peso e 97 centímetros de lonxitude.

O salmón, sétimo da presente temporada e o máis grande dos saídos do Ulla neste 2013, foi a única captura do “rei do río” que se rexistrou nas dúas xornadas de competición. Caeu as 17.03 horas cun cebo de miñoca e quisquilla e resistiuse para saír da auga, proceso que se prolongou durante case vinte minutos. Incluso houbo algo de fortuna porque, xusto ao chegar ás beiras do Ulla, soltouse da caña. Trátase dun exemplar salvaxe xa que carece das micromarcas propias dos peixes das repoboacións.

O pescador, moi ledo polo trunfo acadado, é un veterano da captura do salmón nas augas do río estradense, xa que leva 45 anos acudindo a practicar o seu deporte favorito e trinta participando neste campionato internacional. O concurso, organizado pola sociedade Río Ulla, foi un éxito de participación, calidade dos participantes e público.

*Fotografía de Ramiro Aller Porto.

Mil persoas e dous mil pinchos, balance da primeira fin de semana no concurso de tapas

Preto de mil persoas comezaron a participar durante a primeira fin de semana no Concurso de Tapas de Salmón, organizado polo Concello da Estrada en colaboración cos locais de hostalaría co gallo dos actos da cadraséxima edición da Festa do Salmón, que celebrará o seu día grande o vindeiro domingo 19.

As primeiras estimacións apuntan a que os 17 locais participantes serviron máis de 2.000 pinchos durante as tres primeiras xornadas do certame. De feito, algún establecemento rozou as 300 tapas na primeira fin de semana, que rexistrou máis actividade na noite do venres

Os establecementos volverán a servir as súas creacións en torno ao salmón dende o xoves pola tarde, de 20.00 a 23.00 horas. O vernes estarán habilitadas a quenda de mediodía, de 12.00 a 15.00 horas, e a de tarde, de 20.00 a 23.00 horas. Finalmente, o sábado ofreceranse os pratos de 12.00 a 15.00 horas, xa que se procederá ao reconto polo tarde para dar os nomes dos tres gañadores, que serán premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente..

Os locais participantes son Andalucía, Samaná, O Paseo, Os Peares, La Bombilla, Xantares, Navegación, Valenciaga, Argentinos Burguer, Nicol´s, O Café de Xulia, Boliche, Enredo, Don Juan, Eureka, O Lar e Scala.

Cabe sinalar que a relación das 34 tapas, dous por establecemento, pode consultarse na páxina web da Festa do Salmón, á que se accede a través da dirección www.festadosalmon.com.

A Festa do Salmón 2013 estrea spot televisivo

A 40ª Festa do Salmón, que vivirá o seu día grande o vindeiro domingo 19 de maio na Estrada, estrea esta noite spot publicitario na Televisión de Galicia (TVG). As emisións, que comezarán ás 21.30 horas, prolongaranse ata o vindeiro sábado. O traballo, de 21 segundos, mistura as distintas especialidades de salmón que se poden degustar nos restaurantes e bares do municipio cos valores deportivos e medioambientais da práctica da pesca do salmón nos coutos estradenses do río Ulla.

ALCALDE NAVA Y TAPAS

López destaca a ampla oferta da restauración estradense con 2.000 prazas para a degustación de salmón

O alcalde da Estrada, José López, destacou hoxe, durante a presentación da 40ª Festa do Salmón celebrada no couto de Ximonde, a ampla oferta da restauración e a hostalaría locais, xa que os establecementos colaboradores ofertan 2.000 prazas para a degustación dos centos de variedades que se ofrecen no municipio en torno ao “rei do río”.

O rexedor estivo acompañado durante a presentación pola directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, polo presidente da sociedade Río Ulla, Miguel de la Calle, por varios concelleiros do grupo de goberno e pola práctica totalidade dos restauradores e hostaleiros que participan no Concurso de Tapas ou na degustación popular, os dous principais fitos gastronómicos desta festa. Os cociñeiros estradenses prepararon nas beiras do Ulla as tapas que participarán no certame e fixeron as delicias dos presentes.

José López, que agradeceu a presenza de Nava Castro e a súa implicación nos asuntos relacionados coa Estrada –de feito anunciou unha axuda de 26.000 euros para a promoción da Rapa das Bestas–, sinalou a casualidade de que a presentación oficial coincidise coa declaración do Salmón como Festa de Galicia de Interese Turístico, catalogación que foi aprobada hoxe polo Consello da Xunta.

O alcalde subliñou que todos os esforzos en torno a esta festa “oriéntanse a atraer ao maior número de visitantes para dinamizar a economía e a hostalaría nun momento especialmente complexo”. Resaltou a consolidación e calidade da restauración estradense en torno ao salmón e apostou por incrementar os vencellos entre a festa e a gastronomía locais cos valores medioambientais e deportivos do río Ulla e da pesca do salmón.

Finalmente, quixo destacar a importancia do 37º Concurso Internacional de Pesca do Salmón que se celebra nesta fin de semana nos tres coutos estradenses e adiantou a presentación mañá dunha páxina web específica sobre a Festa do Salmón e das correspondentes redes sociais para iniciar unha nova andaina na súa difusión.

“Exquisitez dos nosos ríos”

Pola súa banda, Nava Castro louvou a mistura de “tradición e innovación” dos restauradores estradenses á hora de preparar o salmón, que cualificou como “unha exquisitez dos nosos ríos”. Ademais, sinalou que o couto de Ximonde é un marco idóneo para a presentación da festa, xa que considerouno como “o mellor couto de España”.

Tras destacar o bo ensamblaxe entre o Río Ulla e a festa gastronómica estradense, amosouse convencida de que a cita conseguirá ser, nun futuro, catalogada como de Interese Turístico Nacional.

Dezasete locais da Estrada participarán no Concurso de Tapas do Salmón

Dezasete locais de hostalaría da Estrada participarán na segunda edición do Concurso de Tapas do Salmón, organizado polo Concello da Estrada no marco dos actos da 40ª Festa do Salmón, que celebrará o seu día grande o domingo 19 de maio.

Os establecementos ofertarán dúas variedades de salmón cada un dende mañá venres, 10 de maio, a partires das 20.00 horas. O concurso estenderase o sábado 11, domingo 12, xoves, 16, venres 17 e sábado 18 entre as 12.00 e as 15.00 e dende as 20.00 ata as 23.00 horas agás na última xornada.

Os locais participantes e a súa oferta de tapas son os seguintes:

Andalucía: crocante de salmón con vinagreta de mel e mostaza e montadiño de salmón afumado máis queixo e salsa fría de Oporto.

Samaná: salmorexo de salmón con escuma de ourizos e aroma de eneldo e tosta de pastel de salmón e trigueiros con mahonesa lixeira de ulva ríxida.

O Paseo: afumado de salmón con ourizo e mango e salmón dourado crocante.

Os Peares: tortilla de salmón e brocheta de salmón.

La Bombilla: salmón en escabeche de cítricos e pudin de salmón e hortalizas.

Xantares: ensalada de salmón e gulas e salmón en salsa de mango.

Navegación: salmón en cama e zume de cítricos e salmón bañado en agridoce de mazá.

Valenciaga: lasaña de salmón e gambas e satays de rapé, salmón e langostinos.

Argentinos Burguer: brétemas do Ulla e potito.

Nicol´s: rolliños da Nicol´s e crepe Der Lachs.

O Café de Xulia: crocante de salmón con salsa de pemento e salmón mariñado sobre pan verde.

Boliche: mariñada de salmón e caprichos de salmón.

Enredo: salmón mariñado e timbal de salmón.

Don Juan: chulas de salmón e salmón ao Don Juan.

Eureka: medallóns de salmón con cogumelos e bocadiños de salmón e pemento.

Tapería O Lar: empanada de salmón e gulas e salmón en costra de abelás.

Scala: empanada de salmón e cítricos con salmón.

Cociñeiros de prestixio

Como principal novidade, este ano a cualificación das tapas participantes dividirase entre un xurado técnico, conformado por tres cociñeiros, que decidirá o 60% da nota de cada prato, e o voto popular, que suporá o 40% restante. Os chefs estradenses Javier Rey (Alborada), Javier Fins (Talaso Atlántico) e Federico López (A Quinta da Auga) farán o circuito das tapas no primeiro domingo do concurso. Os locais optan a tres premios, de 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

En canto ao público, para os clientes participantes haberá un galardón máximo de 500 euros para o gañador do sorteo de entre todos aqueles que acrediten probar alomenos unha tapa en todos os locais. Ademais, haberá outros tres de 200 euros a sortear entre os que cubran cada unha das tres zonas nas que está dividido o certame. Todos estes galardóns entregaranse en vales de compra para consumir nos locais de hostalaría ou restauración que colaboren coa 40ª Festa do Salmón.

Cabe sinalar que todos os locais inscritos no concurso de tapas contarán na porta cun distintivo corporativo para facilitar a súa identificación por parte dos clientes e terán a disposición do público as cartillas de participación.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies