Pesca

A pesca do salmón é un dos principais retos da práctica deportiva en augas fluviais pola beleza dos coutos, a dificultade das capturas e a necesidade de contar cun amplo coñecemento das augas, as correntes, os hábitats piscícolas, o dominio das artes e o comportamento deste peixe, cualificado pola súa forza e singularidade coma o “rei do río”.

A Estrada é o municipio galego máis propicio para este deporte, posto que dispón da cifra máis elevada de coutos no país: Sinde, Couso (O Xirimbao), Santeles e Ximonde.

A pesca do salmón, moi estendida no río Ulla durante a práctica totalidade do século XX, sufriu un forte revés dende mediados da década dos anos oitenta pola drástica redución de exemplares nos ríos, que se fixo especialmente notoria nos anos noventa.

Nembargantes, as políticas de mellora dos cauces con accións de limpeza e as repoboacións de centos de miles de alevíns nos últimos anos están a permitir unha recuperación paulatina do salmón, como amosa o peche adiantado da campaña no ano 2008 ao alcanzarse o cupo máximo permitido de medio cento de pezas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mejor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies